Sunday 28 de April de 2024

O goberno de Cabanas renuncia ao proxecto de humanización da N651


Confirmouno o alcalde (PP) na Comisión de Urbanismo

O alcalde de Cabanas (PP) anunciou na última Comisión de Urbanismo que o novo goberno local renuncia a continuar co proxecto de humanización da N651 no treito urbano da Avenida do Areal, baixo o argumento falaz de que é unha estrada de titularidade estatal.

A inacción dos diferentes gobernos do Estado (do PP, do PSOE e de PSOE – Podemos/Sumar) para resolver os graves problemas de accesibilidade e seguridade do treito da estrada N651 ao seu paso por Cabanas, levou ao anterior goberno municipal a realizar un proxecto de humanización da marxe dereita sentido Ferrol, entre a rotonda de entrada ao termo municipal e o supermercado Comesano, a zona máis comercial de toda a Avenida do Areal.

As actuacións proxectadas contemplaban a mellora da accesibilidade e seguridade viaria coa instalación de plataforma única adaptada ás diferentes necesidades de mobilidade (actualmente é un punto negro no que ten a ver coa accesibilidade), e a instalación de novos pasos de peóns (4 na avenida e 3 nas rúas que a cruzan). Ademais, substituiríanse as luminarias con LEDs, mellorando a iluminación e conseguindo un maior aforro enerxético, e se instalarían novas canalizacións para a subministración de auga e a rede de pluviais e saneamento, corrixindo as fisuras e filtracións que se veñen sufrindo polo mal estado das instalacións actuais. Por último, realizaríase unha reordenación dos aparcadoiros, coa creación de zonas para o estacionamento en batería e novas zonas para carga e descarga, ademais da reubicación das paradas de autobuses en lugares máis seguros, e melloras nos dous cambios de sentido existentes (Día Oito e Tras da Vila).

Estaba previsto que estas actuacións fosen financiadas con fondos propios, aos que se sumaban os 180.000 € que a Deputación achegaría a través dun convenio que xa foi asinado polo anterior executivo.

Porén, o actual goberno de Cabanas decidiu renunciar a seguir adiante con este proxecto por considerar “que debe ser o Estado quen execute as obras”.

Desde o BNG lembran que tanto os gobernos do PP como os do PSOE no Estado levan dúas décadas renunciando a realizar estas obras “de vital importancia para o desenvolvemento urbano de Cabanas”, e malia que o BNG presentou emendas aos Orzamentos Xerais do Estado todos os anos para que estas actuacións fosen executadas, nin o PP, nin o PSOE apoiaron estas reivindicacións “estivesen no goberno ou na oposición”.

“Os gobernos municipais están para resolver os problemas da súa veciñanza, e iso pasa por ter a valentía para afrontar os proxectos que transforman a vida dos concellos” sinalou o portavoz municipal do BNG, Iago Varela, quen lamentou a “actitude soberbia” do alcalde de Cabanas para “non só botar abaixo un proxecto de gran impacto para Cabanas, senón tamén para renunciar a un investimento que supera o medio millón de euros e para o que se conseguiron fondos externos”.

“Bastaron seis meses para ver que o PP non só carece de proxecto propio, senón que tampouco ten nin o interese nin as persoas coa capacidade de continuar cos proxectos que quedaron comezados”, lamentan desde o BNG.